Fins e funcións

Os fins e funcións do COTOGA, segundo recóllese nos seus estatutos, son:

Artigo 11. Fins
1. O Colexio terá como fins esenciais a ordenación do exercicio da profesión de terapeuta ocupacional dentro do marco legal respectivo, a representación da mesma e a defensa dos intereses profesionais das/os colexiadas/os. Ademais, terá os seguintes fins:

  • Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de terapeuta ocupacional.
  • Lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais das/os colexiadas/os, promovendo a formación, a investigación e o perfeccionamento dos mesmos.
  • Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio da profesión.
  • Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.
  • A protección dos intereses das/os consumidoras/es finais e usuarias/os dos servizos das/os colexiadas/os.
  • Colaborar coas institucións e administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia na conservación e promoción do dereito á saúde e dunha asistencia sanitaria de calidade, participando na defensa e tutela dos intereses xerais da colectividade como destinataria da actuación profesional das/os terapeutas ocupacionais.

2. O disposto no apartado anterior enténdese sen prexuízo da competencia da administración pública por razón da relación funcionaria.

Artigo 12. Funcións

Para o cumprimento dos seus fins, o Colexio exercerá as funcións encomendadas na lexislación básica do Estado, e como propias as seguintes:

1. En relación coa finalidade de representación e defensa dos intereses xerais das/os terapeutas ocupacionais e da terapia ocupacional:

  • Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión, ante as administracións públicas e institucións de todo tipo, tribunais, e demais personalidades públicas e privadas con lexitimación para ser parte nos litixios que afecten aos intereses profesionais.
  • Propoñer ás/aos colexiadas/os, a instancia da autoridade xudicial, en calquera Xulgado ou Tribunal para intervir como peritos nos asuntos xudiciais, así como emitir informes e ditames, sempre que sexan requiridos para iso.
  • Prestar ás/aos colexiadas/os, a través das/os profesionais competentes, os servizos de asesoramento xurídico, laboral, administrativo e fiscal que se estimen oportunos.
  • Relacionarse e coordinarse con outros Colexios Profesionais, así como co Consello Xeral de Colexios.
  • Informar dos proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten ás/aos profesionais que agrupen ou se refiran aos fins ou funcións a elas/es encomendados.
  • Participar nos órganos consultivos da Administración de Galicia en materia de sanidade e asistencia sanitaria, ou calquera outro ámbito que aborde competencias da profesión, cando a mesma o requira ou así se estableza na normativa vixente e designar representantes en calquera xulgado ou tribunal en que se esixan coñecementos relativos a materias específicas, sempre que sexan requiridos para iso nos termos establecidos na Lei de axuizamento civil.
  • Emitir informes e ditames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos en que se propoñan cuestións que afecten a materias da competencia profesional.
  • Colaborar coas administracións públicas en materia das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes.

2. En relación coa finalidade de ordenación, orientación e vixilancia do exercicio profesional:

  • Ordenar o exercicio profesional das/os terapeutas ocupacionais, velando pola ética e dignidade profesional das/os mesmas/os, así como conciliando os seus intereses co interés social e os dereitos da cidadanía.
  • Levar o censo de profesionais e o rexistro de título.
  • Vixiar para que o exercicio profesional responda, tanto en número de profesionais como en calidade, ás necesidades da sociedade.
  • Exercer a potestade disciplinaria sobre as/os profesionais de terapia ocupacional, nos termos previstos na Lei 11/2001 e nos presentes Estatutos.
  • Vixiar que a utilización do nome e o exercicio da terapia ocupacional, así como das súas técnicas propias, se ateñan ás normas reguladoras da profesión e o seu exercicio, impedindo e perseguindo todos os casos de intrusismo profesional, competencia desleal e/ou publicidade enganosa. A tal efecto poderase requirir o apoio das autoridades gobernativas e sanitarias e propoñer os casos ante os tribunais de xustiza.
  • Amparar e defender os dereitos e o prestixio profesional das/os colexiadas/os en xeral ou de calquera dos seus grupos ou individuos en particular, se foran obxecto de vexación ou menoscabo, por motivo da súa actividade profesional.
  • Atender as solicitudes de información sobre as persoas colexiadas/os e sobre as sancións firmes a elas/es impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na lei.
  • Visar os traballos profesionais das/os colexiadas/os de acordo cos presentes Estatutos e co artigo 13 da Lei 2/1974, de 13 de febreiro, sobre Colexios Profesionais. O visado non comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, que se determinarán por libre acordo das partes.
  • Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre as/os colexiadas/os.
  • Garantir a prestación da función polas/os profesionais colexiadas/os ou en posesión do título correspondente que lles habilita para o exercicio da profesión.
  • Actuar como árbitro nos conflitos entre as/os colexiadas/os e terceiras/os, cando así se solicite por ambas partes.
  • Prestar os servizos de asesoramento xurídico, laboral, administrativo e fiscal que se crean convenientes.
  • Prestar servizo de atención ás/aos colexiadas/os e ás/aos consumidoras/es e usuarias/os.

3. En relación coa finalidade de promoción científica, cultural, laboral e social da profesión:

  • Organizar actividades dirixidas á formación e perfeccionamento profesional das/os colexiadas/os.
  • Organizar conferencias, congresos e xornadas, publicar revistas, folletos e circulares e, en xeral, poñer en práctica os medios que se estimen necesarios para estipular o perfeccionamento técnico, científico e humanitario da profesión.
  • Participar de forma activa coas entidades de formación das/os futuras/os tituladas/os na mellora dos plans de estudo e a preparación dos mesmos.
  • Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos que sexan de interese para as/os colexiadas/os, así como de cobertura de posibles responsabilidades civís contraidas polas/os mesmas/os no exercicio da súa profesión.
  • Promover, divulgar e potenciar a terapia ocupacional, así como a súa integración e relevancia na estrutura sanitaria e social desde as perspectivas científica, cultural, laboral e investigadora.
  • Promover e estender a profesión da terapia ocupacional na prevención, a valoración, o diagnóstico, a intervención e a avaliación en relación coas discapacidades (limitacións na actividade, restricións na participación), os factores contextuais tanto persoais como ambientais (facilitadores, barreiras/obstáculos), así como a diversidade funcional e a dependencia da persoa.
  • Velar porque os medios de comunicación social divulguen a terapia ocupacional con base científica contrastada e combater toda propaganda ou publicidade incerta ou enganosa, ou a que con carácter xeral atente aos dereitos das/os consumidoras/es ou usuarias/os ou contraveña os principios establecidos na normativa vixente.
  • Informar ás industrias relacionadas coa terapia ocupacional das condicións desexables para o desenvolvemento de novos produtos e establecer, se as condicións técnicas o permiten, un control de calidade sobre os materiais ofrecidos.
  • Contribuír de forma continuada ao asesoramento cidadán en temas relacionados coa promoción e defensa da saúde.

4. O Colexio non poderá establecer baremos orientativos nin calquera outra orientación, recomendación, directriz, norma ou regra sobre honorarios profesionais. O Colexio poderá elaborar criterios orientativos aos exclusivos efectos da taxación de costas de peritaxes xudiciais. Os devanditos criterios serán igualmente válidos para o cálculo de honorarios e dereitos que corresponden aos efectos de taxación de costas de peritaxes xudiciais en asistencia xurídica gratuíta.

5. Cantas outras funcións repercutan en beneficio dos intereses profesionais das/os colexiadas/os e encamíñense ao cumprimento dos fins colexiais.