Un pouco de historia

A terapia ocupacional (TO) é unha disciplina relativamente nova. A pesar diso, existen evidencias de que desde a Idade Antiga se recoñeceu o uso terapéutico das ocupacións e actividades.

A maioría de autores coinciden en que o tratamento moral é o principal antecedente da terapia ocupacional. Este movemento xurdiu no século XVIII como un enfoque de asistencia que defendía un trato humanitario cara ás persoas con enfermidade mental, opoñéndose aos métodos que predominaban ata entón. Unha das súas principais premisas era que a participación en tarefas e actividades da vida cotiá podía permitir que a persoa alcanzase un funcionamento máis saudable e satisfactorio.

A comezos do século XX, un grupo de persoas procedentes de distintas disciplinas (médicos, enfermeiras, arquitectos, artesáns…) recompilaron os principios do tratamento moral para a intervención con persoas enfermas e con discapacidade, dando lugar a unha forma de tratamento que se denominaría terapia ocupacional. O 17 de Marzo de 1917 considérase a data de nacemento da terapia ocupacional, formalizado coa creación da National Society for the Promotion of Occupational Therapy (NSPOT), en Clifton Springs (Nova York). Hai que precisar que cando se creou esta entidade, xa se estaban ofrecendo servizos de terapia ocupacional nos hospitais e outros ámbitos, comezara a capacitación dos terapeutas ocupacionais e escribíranse libros e artigos sobre a disciplina.

En España, a pesar de claros precedentes do desenvolvemento e aplicación de iniciativas derivadas da Terapia Ocupacional, non se constitúe a primeira escola profesional ata a década dos 60. Esta situábase no Dispensario central de Rehabilitación (R/ Maudes, de Madrid), destacando na súa creación e coordinación o Dr. Heliodoro Ruíz e a terapeuta ocupacional Mercedes Abella (delegada da Organización Mundial da Saúde), claros impulsores da formación regrada da disciplina no noso país.

A primeira Asociación Española de Terapia Ocupacional (AETO) foi constituída en 1963, pasando a formar parte da organización mundial de TO (WFOT) en 1970.

No ano 2003 entra en vigor a Lei de Ordenación de Profesións Sanitarias (LOPS), 44/2003, do 21 de Novembro, na que se destaca o recoñecemento oficial da terapia ocupacional como profesión sanitaria.

Por iso, é unha disciplina moi recente, pero cun gran potencial de desenvolvemento e implantación en equipos multiprofesionais de diversos ámbitos.

 

O primeiro recoñecemento legal dos estudos de TO, consolidouse a través da Orde Ministerial do 3 de Xuño de 1965. Posteriormente, o Real Decreto 1420/1990 establece o Título universitario oficial de Diplomado en Terapia Ocupacional e as Directrices para a elaboración dos plans de estudo.

O primeiro curso de estudos universitarios de TO iníciase no ano 1991, por parte da Escola Universitaria de Enfermaría e Fisioterapia da Universidade de Zaragoza. Finalmente, o Real Decreto 1393/2007 establece as competencias e contidos formativos do Grao en Terapia Ocupacional. Actualmente, son 18 as universidades de España nas que se imparte o devandito título.

Desenvolvemento da terapia ocupacional galega

Os inicios da TO en Galicia datan do ano 1973, coincidindo coa aprobación da Orde do 26 de Abril, pola que se aproba o Estatuto do Persoal Auxiliar Sanitario Titulado e Auxiliar de Clínica da Seguridade Social. Así, os primeiros terapeutas ocupacionais que se asentaron nesta Comunidade Autónoma exerceron o seu labor en equipos de Rehabilitación, na Residencia Sanitaria Juan Canalejo, creada en agosto de 1972, na Coruña. Este Hospital, denominado actualmente Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), segue sendo un referente, nestes días, para a disciplina.

No ano 2001 terminan os seus estudos os primeiros diplomados de TO procedentes da Universidade da Coruña. Desde entón e ata a actualidade, cada ano gradúanse entre 40 e 50 novos profesionais. No ano 2009 publícase no BOE e no DOGA o plan de estudos do Grao en Terapia Ocupacional pola UDC, e en 2011 conclúe a primeira promoción de graduados en terapia ocupacional. O aumento do número dos titulados en Galicia favoreceu a incorporación laboral en novos ámbitos, o que levou á ampliación de funcións e áreas de intervención; que ata ese momento estaba moi limitada ao ámbito hospitalario. Así mesmo, a través do Plan de Cooperación, da Xunta de Galicia, facilitouse a contratación de terapeutas ocupacionais en Asociacións de persoas con diversidade funcional, Centros Ocupacionais; Centros de Maiores, Concellos, entre outros.

Un gran precedente: A Asociación Profesional Galega de Terapeutas Ocupacionais

A Asociación Profesional Galega de Terapeutas Ocupacionais (APGTO) nace o 28 de Setembro de 1983, cos obxectivos de difundir e promocionar a Terapia Ocupacional como disciplina sociosanitaria en Galicia, así como representar e defender os intereses dos seus asociados. Como tal, foi a primeira asociación profesional de terapeutas ocupacionais de España.

A historia da APGTO foise xestando grazas á participación activa de compañeiros e compañeiras que deron forma ao proxecto. Mulleres como Josefa Rosado, Carmen Hervás e Nereida Canosa dirixiron esta entidade, man a man cos seus equipos de traballo, axuntando esforzos para visibilizar a Terapia Ocupacional na sociedade.

Moitas foron as accións que se desenvolveron para conseguir un colectivo máis forte, con maior proxección e representación na Comunidade. Reunións con políticos para a apertura de novos ámbitos de intervención en Galicia (Dependencia, Atención Primaria, Coidados Paliativos, etc.), denuncias sobre intrusismo e iniciativas para sensibilizar a distintos axentes foron, entre outros, aspectos centrais do traballo da APGTO.

Nos últimos anos, a detección de novas necesidades neste contexto da terapia ocupacional no ámbito nacional e autonómico levaron a sumar novas funcións ás desempeñadas inicialmente pola asociación, tratando así de sentar as bases para o futuro colexio profesional da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas novas funcións están orientadas a difundir a profesión entre a poboación xeral, colaborar na formación continuada dos profesionais de Terapia Ocupacional, fomentar a investigación e a creación de evidencia científica nesta área de coñecemento, loitar contra o intrusismo profesional e a mala praxe, así como fomentar a inclusión laboral dos terapeutas ocupacionais nos distintos ámbitos de intervención.

No ano 2007 empézanse a realizar os primeiros trámites de solicitude do Colexio Profesional para crear unha estrutura sólida, con entidade xurídica propia. E é no ano 2016 cando se aproba a Lei de creación do Colexio Profesional de Terapeutas Ocupacionais de Galicia (COTOGA), que hoxe xa é unha realidade.