Proxectos en curso

O COTOGA ten agora mesmo en curso varios proxectos, que foron iniciados nos últimos anos de traballo da Asociación Profesional Galega de Terapeutas Ocupacionais (APGTO):

Proxecto “APP Cáncer de mama”

Obxectivo: Deseñar e crear unha aplicación móbil para persoas con cáncer de mama.

Participantes: 4 terapeutas ocupacionais.

Orixe: A empresa de informática LAPISOFT é unha empresa que dedica parte do seu traballo anual a unha obra social. En 2016 contacta coa APGTO para propoñer a creación dun proxecto centrado na intervención do terapeuta ocupacional con persoas con cáncer de mama a través dunha app ou aplicación móbil. Unha vez que a APGTO e a empresa firman o convenio de colaboración para o desenvolvemento da app, a APGTO transmite ás persoas asociadas toda a información dispoñible e solicita a súa colaboración, co obxectivo de constituír un grupo de traballo que se encargue de desenvolver o proxecto. O devandito grupo de traballo está composto inicialmente por tres terapeutas ocupacionais, sendo unha delas a secretaria da APGTO, que dirixe e coordina a totalidade do proxecto. Posteriormente, entra a formar parte deste grupo unha cuarta integrante, tamén terapeuta ocupacional, que manifesta á APGTO o seu interese en participar. Así, finalmente, o grupo de traballo do proxecto “APP Cáncer de mama” está conformado por catro terapeutas ocupacionais.

Proxecto “Ocupar a vida”

Obxectivo: Coñecer a historia de vida e as ocupacións máis significativas de persoas de diferentes áreas xeográficas de Galicia e pertencentes a distintos grupos de idade; en concreto, daquelas zonas nas que interveñen as/os terapeutas ocupacionais implicada/os no proxecto. Deste modo, preténdese comparar e analizar as posibles diferencias nas ocupacións a nivel xeográfico e xeracional, tratando de destacar as peculiaridades das distintas zonas, tanto rurais como urbanas, da comunidade galega.

Participantes: 10 terapeutas ocupacionais.

Orixe: Este proxecto xorde promovido pola terapeuta ocupacional Vanessa Hermida Carballeira, como socia da APGTO.