Ámbitos de intervención e funcións

A terapia ocupacional galega representa unha profesión en continuo crecemento, preocupada pola promoción da saúde, a calidade de vida e a participación social da poboación, mediante o compromiso coa ocupación.

Onde se pode atopar a un(ha) terapeuta ocupacional?

As/os terapeutas ocupacionais traballan xunto con persoas de todos os grupos de idade (infancia, adolescencia, poboación adulta e persoas maiores), e nun amplo rango de condicións físicas e psicosociais.

A riqueza desta profesión permite que a intervención de terapia ocupacional poida desenvolverse en distintos ámbitos.

  • Ámbito sanitario

Dentro do ámbito sanitario, a/o terapeuta ocupacional pode exercer o seu labor profesional en dous niveis asistenciais: atención primaria e especializada. As/os profesionais poden traballar no ámbito público, privado ou concertado, en hospitais, centros de saúde ou clínicas.

Tradicionalmente, a/o terapeuta ocupacional pertenceu aos equipos de atención en saúde mental, rehabilitación física, atención temperá, discapacidades sensoriais, e desde o Ano Internacional das Persoas Maiores (1989), existiu un aumento da súa incorporación no campo da xerontoloxía. Na atención á saúde mental e á discapacidade física, diferéncianse dúas áreas de actuación en función da idade: Atención na infancia e adolescencia, e Atención na idade adulta.

Ademais, cada vez é máis frecuente atopar terapeutas ocupacionais traballando en unidades de queimados, reumatoloxía, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, en coidados paliativos, neonatoloxía ou neuroloxía.

Dentro do ámbito sanitario, tamén teñen un rol importante en programas dirixidos á prevención da enfermidade (ergonomía, economía articular, redución do gasto enerxético…) e promoción da saúde (redeseño de estilo de vida e instauración de hábitos saudables).

  • Ámbito educativo

As/os terapeutas ocupacionais poden desenvolver o seu labor no ámbito educativo en recursos como centros educativos (de educación especial e ordinaria), centros de formación profesional ou universidades.

Aínda que o número de profesionais en activo neste campo no noso país é reducido, prevese un aumento nos centros de educación especial e de integración, en equipos de atención temperá dependentes de educación, así como en centros universitarios, tal e como sucede noutros países da nosa contorna.

  • Ámbito sociosanitario

No ámbito sociosanitario atopamos terapeutas ocupacionais en distintas entidades ou organizacións, como poden ser: asociacións, fundacións, residencias, centros de día, equipos de valoración de dependencia, centros penais, pisos tutelados, casas de acollida e centros de transición, grupos de axuda mutua, centros ocupacionais, centros de rehabilitación psicosocial, centros especiais de emprego, centros de rehabilitación laboral, centros de menores, servizos sociais de base, etc.

Algúns dos grupos poboacionais cos que se pode intervir desde terapia ocupacional serían: vítimas de malos tratos e abandono infantil, persoas con discapacidade intelectual, vítimas de violencia de xénero, poboación inmigrante e refuxiada ou persoas en risco de exclusión social, entre outros.

Se queres atopar a terapeutas ocupacionais que traballen preto do teu lugar de residencia, podes facer unha consulta á listaxe das/os nosas/os colexiadas/os nesta LIGAZÓN.